|
|
Tratamentos
O cultivo da faba é susceptible ao ataque de diversas pragas e enfermidades. Para un control eficaz das mesmas establécense diversas medidas de precaución entre as que destacan as seguintes:
- Desinfección de estructuras e solo previa á plantación en parcelas con historial de araña vermella.
- Eliminación de malas herbas e restrollos de cultivo.
- Vixilancia dos cultivos durante as primeiras fases de desenvolvemento.
- Empregar marcos de plantación axeitados que permitan a aireación.
- Empregar sementes sans e de boa calidade xerminativa.
- Manter os solos correctamente fertilizados e encalados, evitando o exceso de nitróxeno.
- Evitar encharcamentos e compactación do terreo.
- Realizar sementeiras pouco profundas.
- Establecer rotacións de cultivo, para evitar a proliferación de enfermidades difíciles de controlar.
- Evitar sementeiras excesivamente temperás.
Á hora de aplicarlle algún tipo de tratamento á plantación deben adoptarse, como regra xeral, os seguintes criterios:
- Aplicar os mínimos tratamentos posibles, respectando sempre as doses recomendadas polo fabricante.
- Non deben realizarse nin mesturarse máis de dúas aplicacións seguidas co mesmo producto sen as previas recomendacións técnicas.
- Deben gardarse os prazos de seguridade entre os tratamentos aplicados e a colleita.
Herbicidas Os herbicidas deben aplicarse preferentemente na fase de preemerxencia, tendo sempre en conta o tipo de terreo e a vexetación espontánea existente.
A súa aplicación será a mínima posible para acadar os obxectivos previstos, aumentando os pases de cultivador e empregando as técnicas axeitadas.
Funguicidas Nas aplicacións contra Antracnose, Fusariose, Mildiu, etc., deben seguirse unha serie de recomendacións:
- En periodos de forte crecemento vexetativo en fase previa ou de inicio da enfermidade empregaranse preferentemente productos sistémicos.
- Unha vez que a planta acada o pleno desenvolvemento, poderán aplicarse productos de contacto e penetrantes.
- Nos casos nos que resulte necesario, será sempre recomendable incrementar o número de tratamentos fronte ao aumento na dose. Non deben repetirse as aplicacións co mesmo producto máis de 2 – 3 veces seguidas.
Insecticidas Os tratamentos insecticidas deben realizarse con productos pouco agresivos, a excepción dos casos nos que a praga a combater cree resistencia. Nestes casos incrementarase a agresividade da fórmula.
As aplicacións serán basicamente contra o pulgón, a mosca dos sementados, a araña vermella e o verme so solo.
|