 |
 |

o tempo dos deuses antigos reinaba a fartura. Os homes que vivían na terra obtiñan sen esforzo ningún todas as riquezas da terra. Nas comarcas do lago Cocibolca, nas calorosas terras de Nicaragua, bastaba con facer unha ofrenda aos deuses primeiros para que agromasen feixóns de gran tamaño que daban para alimentar a toda a familia durante todo un ano. |

A familia de Huasca e Xiomara vivía así farturentamente. Unicamente había que coidar que, no tempo da colleita primeira, o altar doméstico fose ricamente decorado e que o chan da casa estivese relocente e coidadosamente limpo porque o espírito do Gran Feixón era moi presumido e non lle gustaba roldar entre po e o lixo.
Confiados naquela fertilidade sen límite e abandonados pola preguiza, nas vésperas da primeira colleita, Huasca e os seus puxéronse a beber para festexar as abundancias futuras.
Amenceu e o altar aínda estaba sen preparar e a casa ateigada dun poirento lixo. Urxidos Huasca e Xiomara puxéronse a limpar a súa cabana e apresuradamente estaban preparando as ofrendas cando o espírito do Gran Feixón se asomou pola porta.
Ao escoitar a súa voz Huasca virouse e, sen coidado, golpeu ao Gran Feixón coa vasoira. Escoitouse un berro estarecedor e os ollos de Huasca enchéronse de terror cando viu como o Gran Feixón se esnaquizaba en milleiros de miúdos anacos.
O espírito do Gran Feixón enrebechado maldiciu a aqueles descoidados seres e desde ese malfadado día, os feixóns son míudos, de pequeno tamaño, e, como castigo, os homes teñen que traballar duramente para poder arrincarllos á terra. |
 |
|