 |
 |

Agora un entretemento de mesa, para dous xogadores, que segundo parece se orixinou en Exipto.
Precisades unha táboa con 14 casiñas: dúas máis grandes nos extremos -que serán os almacéns de fabas de cada un dos xogadores- e dúas filas con outras seis casiñas máis pequenas -unha fila para cada xogador-. Cada xogador dispón de 24 fabas. |
 A táboa podedes facela usando unha cartolina ou un folio e debuxando sobre el as casiñas.
En primeiro lugar cada xogador colle as súas 24 fabas e pon 4 en cada unha das súas casiñas. O que abre o xogo elixe as catro fabas dunha das súas casas e reparteas, de unha en unha, noutras seguindo sempre o sentido das agullas do reloxo.
De cada vez cóllense dunha casa todas as fabas e esa casa queda baleira ata que nunha das quendas seguintes o contrincante ou un mesmo reparte unha das fabas.
Aquí a estratexia consiste en depositar a maior parte das fabas nas casas do contrincante.
O obxectivo da Mancala é capturar as fabas do contrincante, que van a parar directamente ao almacén propio. A captura pode realizarse cando ao depositar a última faba dunha quenda de xogo na casa quedan menos de catro fabas. Pero, por suposto, non hai captura se a última faba da quenda cae nunha casa propia.
Unha vez que un dos xogadores captura as fabas dunha das casas do contrincante e esta queda baleira, o outro xogador debe recoller para repartir as fabas da casa que teña á dereita da capturada.
O xogo remata cando un dos xogadores xa non teña fabas propias ou éstas non chegan, no reparto, ata unha das casas do contrincante. O gañador é aquel que máis fabas do opoñente consiga capturar. |
 |
|