|
|
Orixe e historia
As leguminosas están presentes na nosa alimentación dende a aparición da agricultura. Na actualidade descoñécese cal é o lugar exacto de orixe das especies europeas –Vicia faba e Vigna unguiculata L.-.
Entre as posibles zonas que se barallan como produtoras orixinarias da legume figuran o norte de África, o sur do mar Caspio, Medio Oriente e Asia Central.
Trátase dun dos cultivos máis antigos do mundo xa que existen testemuños da súa domesticación no Neolítico –6.000 anos a.C.-. As fabas eran xa coñecidas polos antigos exipcios, gregos e romanos que a consumían seca, como grao verde e como bagullo.
Outro lugar de orixe coñecido da faba é o continente americano. De alí chegou a variedade Phaseolus vulgaris L., derivada dunha especie silvestre procedente de Mesoamérica e Os Andes, dende onde se estendeu a diversos lugares. A forma silvestre, nun proceso inicial de domesticación, sufriu certos cambios nas súas características físicas, morfolóxicas e xenéticas, que deron lugar ao feixón común que coñecemos actualmente.
Os restos máis antigos que se coñecen proceden da zona andina e datan de 8.000 anos a.C. Os achádegos correspondentes á zona mesoamericana son de 6.000 anos a.C.
A faba na Península e en Galicia
Orixinariamente cultivábanse en España leguminosas de orixe afroasiática e europea. Estas variedades corresponderíanse con especies como a Vigna unguiculata L. ou a Vicia faba que aínda se consumen nalgúns territorios da Península.
O descobremento de América
As fabas americanas –Phaseolus vulgaris L.- foron introducidas en España e Portugal polos mercadores que no século XVI traían as sementes como unha curiosidade. Dende a Península, esta nova variedade estendeuse cara a outros países europeos debido a diversos factores.
Interrelación entre América e a Península
As variedades americanas –Phaseolus vulgaris L.- evolucionaron en Europa para retornar posteriormente á súa orixe grazas aos procesos migratorios. Esta evolución implicou unha mellora xenética que se tería producido, consciente ou inconscientemente, da man dos agricultores da Península.
|